Manifesto Varanda Viva

A falta de prazas e de rúas, hoxe temos varandas e xanelas. Temos mans, voces e cazolas. Temos ganas de cantar e de berrar. De esconxurarmos as incertezas e de recuperarmos o ritmo das nosas vidas. Non, esta pandemia non vai poder connosco. Non vai poder, a pesar dos gobernantes que en Madrid nos ignoran e dan paus de cego ante a crise sanitaria e social aberta. Non vai poder connosco esta pandemia, a pesar dos nosos gobernantes na Xunta, que lavan as mans ante a situación, abdicando das súas responsabilidades como goberno de Galiza.

Máis que nunca, nós confiamos na sanidade pública. Nas mulleres e homes que a fan posíbel, tras tantos anos de recortes e de ataques indiscriminados. Anos de orzamentos minguados, de situar baixo mínimos os medios humanos e as dotacións materiais. Anos de favorecer procesos de desmantelamento e privatización, que hoxe se revelan cruamente errados.

Máis que nunca, confiamos en todas aquelas persoas que desafían cada día a ameaza da pandemia para saíren a traballar. Persoas que traballan nos servizos básicos esenciais (alimentarios, de transporte, etc.) e que fan que o noso confinamento na casa sexa posíbel. Sen elas, sen todas esas persoas, ningunha decisión gobernamental, ningún Real Decreto, podería garantir a nosa seguranza, a nosa manutención e os coidados que precisamos.

Somos un pobo que sempre se soubo erguer fronte ás adversidades. Un pobo cheo de feridas e de cicatrices, mais un pobo que non se dobrega nin desfalece. Máis que nunca, confiamos nas nosas propias forzas. Para preservamos o dereito á nosa saúde ameazada. O dereito ao traballo que agora vemos perigar. O dereito á vivenda e todos os dereitos civís hoxe certamente en suspenso.

Máis que nunca, confiamos en nós mesmas, en nós mesmos. Fronte á pandemia que nos axexa aí fóra. Fronte aos gobernos, de Madrid e da Xunta, que sementan dúbidas e fan gala de improvisación e incompetencia. Fronte ao medo que poidamos sentir. Confiamos en nós mesmas, en nós mesmos. E a falta de prazas e de rúas, hoxe temos varandas e xanelas.